martes, 27 de diciembre de 2011

Nadal: Contemplar o Amor encarnado

E a Palabra fíxose carne,
e acampou entre nós,
e contemplamos a súa gloria (Xn 1, 14)

Un ano máis, acollemos desde a fe a gracia de Deus encarnada en Belén. Para nós, os cristiáns, é tempo de adentrarnos no misterio, de contemplar o Amor eterno do Pai que se fai visible na nosa miseria e pobreza.
Vén o Enmanuel a nós para enriquecer as nosas vidas, plenificalas e alentar o lume da esperanza e da alegría… Pero esta mirada á que se nos invita no Nadal non é coma a de quen vai ollando escaparates embelesado polas luces, as músicas e os olores que distraen a atención e adormecen a alma. A nosa contemplación do misterio ten dúas miradas que se encontran: a mirada do Deus Neno que amosa o corazón eterno cheo de misericordia disposto a deixarse acoller e a darse para a nosa salvación; e a nosa mirada que se abaixa a causa do noso pecado que busca  no misterio do Amor encarnado comprensión, paz e perdón.

Sen ti, Enmanuel,
a vida é escuridade e vacío.
Sen o teu amor, Xesús,
o corazón vólvese un eco de nós mesmos.
Sen a túa alegría, Cristo,
a fe non brilla e se arrefría.
Ti que naces enraizado
na pobreza de Belén
endereita e anima hoxe a nosa fe.
Amén.

jueves, 1 de diciembre de 2011

Advento é dicir sí á novidade de Deus.

En María Deus ensínanos a ter un corazón disposto, disponible para comezar unha obra que non é exclusiva da propia persoa. Miremos as nosas vidas e descubramos cantas obras pode Deus facer a través das nosas palabras e dos nosos feitos.
Son moitas as novidades que podían ocupar a vida de María: a convivencia familiar con Xosé, a noticia extraordinaria da súa curmá Isabel, as preocupacións propias do seu estado... pero todas elas encontraron luz e paz desde a confianza plena que lle vén do seu "sí" entregado ó arcanxo Gabriel, un sí que naceu da esperanza en Deus, do encontro co que enche todo o ser de felicidade e amor.
O Advento é tempo de ser inmaculados nos nosos síes, nos nosos compromisos, nas nosas decisións, no noso seguimento do Señor, é un tempo de limpar tanto egoísmo que empaña as mocións do Espírito no interior da nosa conciencia e no vivir compartido de cada día.  
O "sí" de María enfréntase á pegada de pecado impronta no mundo e na humanidade. Son moitas as situacións de negación ó amor, á paz, á fraternidade, á caridade... que hai ó redor da nosa vida, comezando por nós mesmos e salpicando ás relacións familiares, laborais, de amistade e descoñecidas que imos tecendo cada día desde o noso corazón.
O tempo de Advento é para camiñar da man de María hacia Deus, facendo frente ás nosas incongruencias, ós nosos temores e ós nosos intereses egoístas encubertos. Deixando así que sexa o Espírito de Deus quen encha os nosos corazóns e as nosas vidas da Luz e da frescura de Cristo.   É a El a quen esperamos coa nosa Nai María e dicimos tamén: Amén. Marana-tha.